Redondela conta cun variado e amplo repertorio de lugares que visitar e experimentar. A súa localización ao pé do mar permite gozar de praias, da vida mariñeira, da historia das Illas de San Simón ou do relax dunha posta de sol. Ao mesmo tempo, podes visitar o Parque arqueolóxico do Monte Penide, con túmulos megalíticos, petróglifos e un castro, pasear ao longo da Senda da Auga, visitar a fervenza e muíños da Feixa ou gozar do rico patrimonio eclesiástico das súas parroquias.

Redondela ten recursos museográficos como o Meirande, centro de interpretación da Batalla de Rande de 1702 e a actividade conserveira do s. XX. Posúe importantes áreas de grande interese medioambiental como a Enseada de San Simón incluída na rede Natura2000 e que conta cun rico patrimonio natural. Ao longo do ano pódese gozar de festas centenarias como a Festa da Coca e a súa danza das espadas, as Festas dos Maios (1º de maio), o Entroido ou escoitar o canto dos Reis nas súas parroquias.

Os amantes da boa comida poderán gozar da festa do Choco (1º domingo de maio), da festa da Mazá (1º domingo de outubro) ou a festa do Viño da Casa (1º fin de semana de xullo). Os máis cativos poderán gozar do festival internacional de títeres, que enche a vila de monicreques durante a última semana de maio.

Redondela é, tamén, un punto idóneo para coñecer as Rías Baixas. Atópase entre as cidades de Vigo e Pontevedra e conta con comunicacións en tren e autobús frecuentes. Pódense facer visitas dun día a estes lugares sen perder a tranquilidade de pernoctar nunha vila amigable.

En definitiva, Redondela é un lugar no que pasar unhas boas vacacións en familia ou entre amizades con multitude de posibilidades de cultura, festa, lecer e tranquilidade.